| |
|
Memoria de actividades do
2004
Entre as actividades que a Confederación
de Fondos de Cooperación levou a cabo durante o 2004, cabe
salientar:
- Relacións coa Axencia Española
de Cooperación Internacional (AECI): no mes de xullo
tivo lugar a sinatura do convenio de colaboración entre
a AECI e a Confederación de Fondos no marco do Programa
Azahar, que a posibilidade de que os Fondos de Cooperación
participen neste programa de cooperación en materia de
desenvolvemento sostíbel no Mediterráneo. Por outra
parte, a AECI invitou á Confederación a participar
nun obradoiro de diagnóstico sobre Fortalecemento Local
en América Central, celebrado en Antigua (Guatemala)
a comezos de setembro, a fin de identificar os principais problemas
comúns do poder local. A partir das conclusións
do obradoiro, ao que asistiu o director do Fondo Galego, en decembro
celebrouse en Granada o Encontro de coordinación sobre
cooperación municipal, coa participación dos
xerentes do Fons Valencià e do Fondo Estremeño,
no cal se definiron tres liñas de traballo no marco dun
programa de fortalecemento municipal en América Central
(formulación dun plan conxunto de cooperación municipalista
na rexión, creación dunha páxina web como
punto de encontro do municipalismo en Centroamérica e renovación
e fortalecemento da Fundación para o Desenvolvemento Institucional
e Local en Centroamérica).
- Participación na Comisión Interterritorial:
durante o ano pasado os representantes dos Fondos participaron
nas reunións do Pleno da Comisión Interterritorial
(19 de xullo) e da Comisión Permanente (18 de outubro).
Na xuntanza da Comisión Interterritorial celebrada
o 19 de xullo acordouse, entre outros, iniciar os traballos para
a creación dun Fondo Común de Axuda Humanitaria
de Emerxencia, así como crear comisións
específicas para traballar na homoxeneización da
metodoloxía, financiamento, información e instrumentos
da cooperación ao desenvolvemento. Por outra parte, constituíse
a Comisión Permanente, na que a Confederación
de Fondos de Cooperación e Solidariedade está representada
polo seu presidente, Sr. Pere Navarro, exercendo como suplente
o Sr. Miguel Ángel Morales, vicepresidente do Fondo Estremeño.
Na sesión da Comisión Permanente do 18 de outubro
aprobouse a constitución de 6 comisións de traballo
para os seguintes temas: planificación, subvencións
ás ONGD, axuda de emerxencia, avaliación, bases
de datos, e sensibilización, estando representados os Fondos
de Cooperación en todas elas. O grupo de traballo de
Planificación reuniuse o 3 de decembro para valorar
a proposta de Plan Director 2005-2008 e comentar
as modificacións propostas ao respecto polos representantes
da cooperación descentralizada. A Confederación
elaborou un documento cos comentarios e emendas correspondentes,
algunhas das cales foron incorporadas ao texto.
- Observatorio da cooperación descentralizada:
no primeiro trimestre do ano entrou en funcionamento o Observatorio
da Cooperación Descentralizada, que constitúe un
espacio virtual emprazado na páxina web da Confederación
de Fondos. O seu obxectivo é ofrecer un servizo de consultas
especializadas sobre a cooperación descentralizada
en tres eidos fundamentais e mediante tres bases de datos: sobre
a cooperación que levan a cabo os Entes locais,
sobre lexislación autonómica, estatal e europea,
e sobre publicacións. O Observatorio
pódese consultar en seis idiomas: castelá,
catalán, euskera, galego, inglés e francés.
- Participación na Rede de Concellos Europeos
pola Paz en Oriente Próximo: a Confederación
de Fondos de Cooperación presta apoio á Rede de
Concellos Europeos pola Paz ao Oriente Próximo, en cuias
actividades participaron activamente algúns Fondos durante
2004. Coincidindo co congreso constituinte de Cidades e Gobernos
Locais Unidos, celebrouse en París unha reunión
da Rede, na que se puso en marcha a campaña de aprobación
de resolucións de apoio á moción "Pontes
e non muros entre Israel e Palestina" por parte das administracións
locais europeas. En xullo o Fons Català formou parte da
delegación de alcaldes europeos en Israel
e Palestina, que se reuniron con autoridades locais, así
como representantes das asociacións de concellos palestinos
e israelís, autoridades palestinas e a delegación
da Comisión Europea en Xerusalén. Por outra parte,
o Fondo Andaluz e o Fons Català implicáronse na
organización da Conferencia Internacional de Poderes
Locais pola Paz en Oriente Próximo, cuia celebración
está prevista para xuño de 2005 en Córdoba
coa participación de representantes de redes municipalistas
israelitas, palestinas e europeas.
- Incidencia na Unión Europea:
no 2004 o proxecto de incidencia na Unión Europea foise
consolidando, alcanzando un papel de interlocución en temas
de cooperación ao desenvolvemento ante as institucións
europeas, así como ante outras redes de concellos cooperantes
europeos. O eixo central da actividade do ano pasado foi a solicitude
de comparecencia ante a Comisión de Desenvolvemento do
Parlamento Europeo co obxectivo de explicar qué son
e cómo actúan as redes de concellos cooperantes
en Europa. Por outra parte, a Confederación interviu na
elaboración dunha serie de regulamentos, informes de opinión
e informes de seguimento en temas de relacións exteriores
e migracións, promoción da igualdade de xénero
en cooperación ao desenvolvemento, asistencia técnica
a países de América Latina, desvencellamento da
AOD, etc
- Contactos con posíbeis xestoras de novos
fondos: os representantes da comisión xestora do Fondo
Asturiano de Cooperación, que estiveron presentes na
Asemblea Xeral da Confederación de Fondos do 17 de maio
en Bilbao, informaron que nestes momentos estase en proceso de
ampliación da comisión, que está integrada
por representantes de todos os partidos políticos de forma
paritaria e conta co apoio da Coordinadora de ONGD, a Federación
de Concellos de Asturias e a Axencia Asturiana de Cooperación.
O Plan Cuatrienal da Cooperación Asturiana ao Desenvolvemento
prevé a constitución do Fondo para o primeiro semestre
de 2006. Por outra parte, o director de Euskal Fondoa ten participado
en sendas xornadas celebradas en Santander e en Valladolid
respectivamente, onde tivo ocasión de dar a coñecer
a realidade dos Fondos de Cooperación. En ambos casos constatouse
un gran interese pola tarefa que desenvolve a Confederación
de Fondos, mais a falta de experiencia en cooperación por
parte dos concellos fai prever que non será posible por
en marcha un proceso de constitución duns fondos a curto
prazo nas Comunidades autónomas correspondentes. Asemade,
o Fondo Galego iniciou contactos con concellos portugueses
que desenvolven tarefas de cooperación, que mostraron un
gran interese cara o fenómeno dos Fondos de Cooperación,
e se estableceron as bases para una posíbel colaboración
co Fondo Galego.
- Publicacións: a comezos de novembro
publicáronse as edicións en francés e en
inglés, respectivamente, de Realidade dos Fondos de
Cooperación 2001-2003, número 6 da colección
da Confederación Cooperación local ao desenvolvemento
municipal ao ldesenvolvemento. O libro recolle as iniciativas
que os Fondos levaron a cabo conxuntamente como Confederación,
así como unha perspectiva xeral da tarefa que ten desenvolto
cada un dos Fondos de Cooperación que a conforman no período
2001-2003.
- Relacións institucionais internacionais:
en maio, representantes do Fondo Andaluz, do Fondo Estremeño
e do Fons Català participaron no congreso constituínte
da nova organización internacional de administracións
locais: Cidades e Gobernos Locais Unidos, que estableceu
a súa sede en Barcelona. Igualmente a comezos de maio o
Fons Català, o Fons Valencià e o Fondo Andaluz participaron
no Foro de Autoridades Locais pola Inclusión Social,
que tivo lugar en Barcelona, e no que se propuxo que o FAL se
convertera nunha comisión dentro de Cidades e Gobernos
Locais Unidos, sen que elo signifique perder a súa orixe
ligada ao Foro Social Mundial. Por outra parte, constituíse
unha comisión xestora encargada de preparar un documento
de estatutos para crear a Rede de Cidades pola Inclusión
Social no eido mundial. Asemade, o xerente do Fondo Andaluz
estivo presente no Foro de Autoridades Locais celebrado
en outubro en Londres, previo ao Foro Social Europeo, e a Confederación
apoiou a celebración do Foro de Autoridades Locais de Málaga,
organizado a comezos de decembro polo Fondo Andaluz, coa presenza
do presidente do Fondo Galego e da xerente do Fons Català.
Desde algúns Fondos tense colaborado na preparación
do Foro Social do Mediterráneo, que está previsto
que se celebre en xuño do 2005 en Barcelona.
Acceso direito a información relacionada con esta páxina
|
|
|