| |
|
Memoria de actividades do
2003
Entre as actividades que a Confederación
de Fondos de Cooperación levou a cabo durante o 2003, cabe
destacar:
- Relacións coa Axencia Española
de Cooperación Internacional (AECI): en xullo tivo
lugar unha entrevista co Sr. Josep Ferré, responsable do
Programa Azahar, que manifestou a vontade de subscribir
acordos de colaboración cos Fondos de Cooperación,
e integrar os seus proxectos neste Programa, que contempla actuacións
en materia de desenvolvemento sostible, protección do medio
ambiente e conservación dos recursos naturais no Mediterráneo.
Tamén se participou nas Xornadas de Codesenvolvemento
convocadas pola Oficina de Planificación e Avaliación
da AECI, que tiveron lugar en Madrid os días 25 e 26 de
setembro. O Fons Català e o Fons Mallorquí tiveron
ocasión de expoñer a súa experiencia neste
ámbito.
- Participación na Comisión Interterritorial:
levouse a cabo o seguimento das diferentes Estratexias
da cooperación española que se teñen
discutido neste período: Estratexia para a promoción
da Democracia e o Estado de dereito; Estratexia en Educación;
Estratexia para a promoción do Patrimonio Cultural; e Estratexia
para a promoción da Igualdade entre Mulleres e Homes. Presentáronse
algunhas enmendas que foron aceptadas nas reunións do grupo
de traballo conxunto da Comisión Interterritorial e o Consello
de Cooperación, e valorouse positivamente o feito de que
nalgunhas Estratexias se faga referencia explícita ós
Fondos de Cooperación como axentes da cooperación
descentralizada. Por outra banda, na reunión da Comisión
Interterritorial do 5 de decembro presentouse un documento cos
comentarios da Confederación de Fondos ó Plan
Anual 2004.
- Taller técnico sobre xestión de
proxectos: os días 29 e 30 de maio celebrouse en Calvià
(Mallorca) un encontro de técnicos dos Fondos de Cooperación,
co obxectivo de debater e intercambiar experiencias sobre a xestión
de proxectos de cooperación, sensibilización e emerxencia
que os Fondos levan a cabo de forma directa, ou ben a traveso
de convocatorias para financiamento de proxectos a ONGD e outras
entidades de cooperación. As xornadas, ademais de facilitar
o coñecemento mutuo entre os técnicos dos distintos
Fondos que constitúen a Confederación, resultaron
moi útiles como espacio onde compartir experiencias entre
persoas que traballan en áreas paralelas de xestión,
pero dende lugares e circunstancias diferentes.
- Proxecto de incidencia na Unión Europea:
o proxecto é froito da vontade dos Fondos de Cooperación
de entender, coñecer e colaborar coas institucións
europeas en tódolos temas que afecten ós ámbitos
de traballo da cooperación ó desenvolvemento. A
execución do proxecto durante o ano 2003 tivo tres fases:
identificación das persoas, institucións
e programas de ámbito europeo coas que se quere colaborar;
presentación, dando a coñecer qué
son os Fondos de Cooperación ante as institucións
e persoas identificadas; e incidencia política,
coa presentación, ante as instancias políticas europeas,
dun documento consensuado que tiña como obxectivo que se
tivera en conta a posición das redes de municipios cooperantes
na futura base legal que regulará a cooperación
descentralizada da Unión Europea.
- Publicacións: a finais de decembro
publicouse Realidade dos Fondos de Cooperación 2001-2003,
número 6 da colección da Confederación Cooperación
municipal ó desenvolvemento. O libro recolle as iniciativas
que os Fondos desenvolviron conxuntamente como Confederación,
así coma unha perspectiva xeral do labor que ten realizado
cada un dos Fondos de Cooperación que a conforman no período
2001-2003. Por outra banda, reimprimiuse 2º Encontro de
municipalismo en Centroamérica, México e Caribe,
da que se esgotara a principios de ano a primeira edición,
de xaneiro de 2001.
- Observatorio da cooperación descentralizada:
durante todo o ano 2003 traballouse n a conceptualización,
deseño e desenvolvemento do Observatorio da cooperación
descentralizada, que se estructura en tres grandes bloques: a
base de datos sobre cooperación local, a base de
normativa legal, e a de documentación. Púxose
en marcha o proceso de recollida de datos sobre a cooperación
que levan a cabo os entes locais nos ámbitos territoriais
dos distintos Fondos, recompiláronse e sistematizáronse
os textos e referencias legais relacionados coa cooperación
descentralizada, e deseñouse o dominio virtual do Observatorio,
que entrará en funcionamento no primeiro trimestre do 2004.
- Contactos con posibles xestoras de novos fondos:
o 12 de novembro representantes do Fons Català e do
Fondo Galego participaron nunha Xornada sobre os Fondos de Cooperación,
celebrada en Oviedo, á que asistiron representantes de
concellos, de ONGD e o director xeral da Axencia de Cooperación
ó Desenvolvemento de Asturias. A comisión xestora
do Fondo Asturiano de Cooperación, que agrupa
a varios concellos e conta co apoio da Federación Asturiana
de Concellos e a Axencia Asturiana de Cooperación, prevé
que o Fondo estea operativo no primeiro trimestre do 2004.
Polo que respecta ó Fondo Aragonés de Cooperación,
tense seguido o seu proceso de constitución, que se ten
ralentizado pola renovación dos cargos electos nas institucións
locais e autonómicas coma consecuencia das eleccións
do 25 de maio. A finais do 2003 estábase pendente da
incorporación do Goberno de Aragón.
Por outra banda, o 22 de novembro o Concello de Como (Italia)
convidou á Confederación de Fondos a participar
no taller As Metas do Milenio e o papel dos recursos locais,
organizado polo propio Concello e a Administración Provincial
de Como, co apoio do PNUD. Asistiron ó acto representantes
de 15 municipios que están barallando a posibilidade
de xerar un proceso de creación dun fondo de cooperación.
- Seguimento do proceso do Foro Social Mundial:
a finais de xaneiro participouse no Foro de Autoridades
Locais pola Inclusión Social, que tivo lugar en Porto
Alegre (Brasil) no marco do III Foro Social Mundial. Así
mesmo tívose presencia no Foro de Autoridades Locais celebrado
en Saint-Denis, previo ó Foro Social Europeo, e
dende algúns Fondos tense colaborado na preparación
do Foro Social Mediterráneo, que está previsto
que teña lugar en xuño de 2005 en Barcelona.
Acceso direito a información relacionada con esta páxina
|
|
|