| |
|
Fondos en perspectiva
Nestes intres hai varias Comunidades Autónomas
nas que se está traballando para por a andar procesos de
constitución de novos fondos de cooperación, que se
atopan en diferentes graos de consolidación:
- Aragón: a mediados do 2002 creouse
unha mesa integrada polas tres Deputacións e os Concellos
de Huesca, Zaragoza e Teruel, a Federación de Municipios
de Aragón, a Confederación de Empresarios de Zaragoza,
dúas caixas de aforros, dos representantes sindicais, de
CCOO e UXT respectivamente, e o Goberno de Aragón, para
impulsar o Fondo Aragonés de Cooperación,
a existencia prevía a Lei relativa á cooperación
ó desenvolvemento, aprobada polas Cortes Aragonesas en
decembro do 2000. Nestes momentos estanse elaborando os estatutos,
que engaden os 10 puntos do documento sobre o Modelo de Fondo
da Confederación, coa vontade de facilitar así a
súa incorporación.
- Asturias: a comisión
xestora do Fondo Asturiano de Cooperación, que está
integrada por representantes de todos os partidos políticos
de forma paritaria e conta co apoio da Coordinadora de ONGD, a
Federación de Concellos de Asturias e a Axencia Asturiana
de Cooperación, atópase en proceso de ampliación
e de elaboración dos estatutos. Por outra parte, o Plan
Cuatrienal da Cooperación Asturiana ao Desenvolvemento
2004-2007, que contempla o apoio ao proceso de xestación
do Fondo, prevé a súa constitución para o
primeiro semestre de 2006.
- Castela-A Mancha: tamén
neste caso a lei de cooperación prevé a creación
dun Fondo. Houbo un intento de poñer en marcha o proceso
dende o Goberno Autónomo, pero non tivo éxito. Despois
dalgúns intentos infructuosos, agora parece que se retomou
o proceso de definición do Fondo Castelá-Manchego
e podería constituírse ao longo de 2005.
Asi mesmo, polo que respecta ao eido europeo, durante os
últimos meses de 2004 o Fondo Galego estableceu contactos
con concellos portugueses que realizan tarefas de cooperación
ao desenvolvemento. Despois dun encontro celebrado o 1 de outubro
en Baiona entre concellos de Galicia e de Portugal, co
propósito de intercambiar experiencias sobre a forma de
abordar a cooperación descentralizada, fóronse concretando
máis aproximacións:
- O 24 de novembro tivo lugar en Loures (cerca de Lisboa)
o encontro Os desafíos da cooperación
e o desenvolvemento local, no que participaron unhas cincuenta
persoas, representantes de concellos tanto portugueses como de
países do Sul, de ONGD e profesores universitarios. Presentouse
un relatorio sobre a experiencia da cooperación descentralizada
no Estado español, e máis concretamente, dos Fondos
de Cooperación, que se valorou moi positivamente.
- O 25 de novembro desenvolveuse un encontro coas autoridades
da Cámara Municipal de Palmela, no que se
constatou o interese por potenciar o asociacionismo en Portugal
en torno á cooperación e adoptáronse algúns
acordos, entre os que cabe salientar a celebración
en abril dunha conferencia en Palmela sobre cooperación
internacional e asociacionismo local, aberta a responsábeis
políticos e técnicos do eido local de todo o país;
a elaboración dun inventario da cooperación ao desenvolvemento
en Portugal no eido local; e a edición en portugués
dalgunhas das publicacións da Confederación de Fondos.
Actualmente hai uns cincuenta concellos portugueses que traballan
en cooperación, maioritariamente dirixida a países
africanos de expresión portuguesa, que mostran gran interese
ante a posibilidade de crear un fondo de cooperación, aínda
que falta por concretar se se definirá sobre unha área
territorial ou en función do grupo de países cos
que se coopera.
Acceso direito a información relacionada con esta páxina
|
|
|