26/11/2010

Unha alcaldesa de Cabo Verde difunde en Galicia os proxectos do Fondo Galego de Cooperación

A alcaldesa do municipio caboverdiano de Paúl Vera Almeida

 

- A presidenta da Cámara Municipal de Paúl presentará na vindeira semana as iniciativas cofinanciadas a prol da igualdade de xénero e a mellora das vivendas

- Vera Almeida visitará a Deputación de Lugo e mais os Concellos de Vigo, Boiro e Tomiño, e reunirase con asociacións de mulleres e representantes da Xunta

 

Baiona, 26 de novembro de 2010. A alcaldesa do municipio caboverdiano de Paúl, Vera Almeida, visitará ao longo da vindeira semana diversos Concellos e Deputacións da man do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Almeida presentará nas distintas administracións socias da entidade galega os proxectos a prol da igualdade de xénero e a mellora das vivendas que se desenvolven en Paúl co apoio do Fondo. Intercambiará ademais experiencias con colectivos de mulleres e reunirase con representantes da Xunta de Galicia.

 

A viaxe enmárcase nas actividades de difusión dun proxecto xestionado polo Fondo Galego e que conta cunha achega extraordinaria dun dos seus socios, o Concello de Vigo. A partir do luns 29 de novembro, a presidenta da Cámara Municipal de Paúl visitará a Deputación de Lugo e mais os Concellos de Vigo, Boiro e Tomiño. Manterá asemade senllas xuntanzas coa Secretaria Xeral da Igualdade, Marta González Vázquez, e coa subdirectora xeral de Cooperación Exterior da Xunta de Galicia, Pilar Romero. Reunirase ademais coa Comisión Executiva do Fondo Galego e impartirá unha conferencia na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, dentro do programa de teatro social TeatrAcción.

 

Nestes intres, en Paúl estase a executar un proxecto de recalificación urbana para mellorar as condicións de habitabilidade e salubridade na localidade de Eito. O Fondo Galego de Cooperación contribúe con 55.000€ achegados polo Concello de Vigo. Reparación de fachadas, construción de baños e cociñas, drenaxe de auga, empedrado das rúas ou rehabilitación de espazos verdes, ademais de sensibilización ambiental, son algunhas das tarefas que se están levando a cabo.

 

O obxectivo deste proxecto é mellorar a calidade de vida da poboación, reducindo a degradación do ambiente e o alto índice de enfermidades infectocontaxiosas. Actúase sobre 22 vivendas de familias extremadamente pobres, aínda que as 120 familias residentes en Eito resultarán beneficiadas. A iniciativa ten en conta o enfoque de xénero, priorizando nais solteiras, cabezas de familia, mulleres con moitos fillos, desempregadas ou cun traballo precario. Supón asemade un incentivo para aquelas donas que poden dedicarse na casa a actividades coma a elaboración de doces e salgados, costura, encaixes e bordado, etc.

 

Máis iniciativas

Cabo Verde é un dos países prioritarios para o Fondo Galego, atendendo á importancia que xa teñen os municipios no arquipélago africano e a razóns de carácter lingüístico e cultural. Desde 2005, os proxectos inseríronse nunha estratexia recollida nun Documento de Estratexia País, definido pola entidade municipalista coa colaboración de concellos e universidades de Cabo Verde e Portugal. Tendo rematado a vixencia do tal Documento, nas próximas semanas os órganos do Fondo Galego aprobarán unhas novas Liñas Estratéxicas para Cabo Verde a acordar coa Associação Nacional de Municípios Cabo-Verdianos.

 

Ademais da recalificación urbana de Eito, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade impulsou outros catro proxectos na Cámara Municipal do Paúl. Financiouse a rehabilitación do barrio social Cha de Tiliza, mellorando a seguridade e a hixiene. Reforzouse a participación política das mulleres, que incrementaron a súa presenza nas listas electorais dos partidos. Apoiouse a integración da perspectiva de xénero nas políticas locais e, como consecuencia, implementouse o Plan Municipal para a Igualdade e Equidade de Xénero.

 

O Fondo Galego tamén traballa, na actualidade, con outros Concellos de Cabo Verde. En Brava está a mellorar o abastecemento de auga na localidade de Baleia, mentres que no Maio promove a instalación de cuartos de baño en 60 vivendas. Na illa de Santo Antón estase a elaborar o III Plan de Desenvolvemento. O Fondo Galego de Cooperación leva máis dunha década colaborando coa Associação Nacional de Municípios Cabo-Verdianos, na que se integran os 22 municipios do arquipélago. No país executáronse preto de 40 proxectos que van dende a capacitación de xente nova ata a construción de colexios e centros comunitarios.

 

O Fondo Galego

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade é unha rede que engloba a 95 Concellos e ás catro Deputacións de Galicia. Fundouse en 1997 como un foro a través do que consensuar e concentrar os esforzos dos poderes locais galego no eido da cooperación ao desenvolvemento. Trátase deste xeito de garantir unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos ambiciosos que teñan un verdadeiro impacto nos países do Sur e facilitar unha meirande sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional.

Desde a súa fundación, a asociación ten desenvolvido 135 proxectos en máis de 20 países, e organizado e editado multitude de actividades e materiais en relación aos desequilibrios existentes entre os países do Norte e do Sur. Ten garantido a presenza da solidariedade do pobo galego nas catástrofes que afectan a aqueles países do mundo con menor capacidade para as enfrontar, con proxectos de reconstrución (como os casos de Sri Lanka, despois do maremoto de 2004, Cuba, despois dos furacáns de 2008 ou Gaza, despois dos bombardeamentos israelitas de finais de 2008 e primeiros de 2009). Na actualidade está a pór en marcha unha intervención de post-emerxencia no Haití.

 

 

AXENDA

 

LUNS 29 DE NOVEMBRO

11:00. Deputación de Lugo: Encontro e intercambio de experiencias coa cooperativa Moega.

13:00. Deputación de Lugo: Encontro e intercambio de experiencias coa cooperativa Milhulloa.

17:30. Escola Superior de Arte Dramática (ESAD): Intervención sobre o enfoque de xénero nos proxectos de desenvolvemento.

 

MARTES 30 DE NOVEMBRO

Pola mañá. Concello de Vigo: Recepción institucional e rolda de prensa.

17:00. AGARESO. Entrevista e xuntanza en Compostela.

 

MÉRCORES 1 DE DECEMBRO

10:30. Xuntanza da Comisión Executiva do Fondo Galego.

12:30. Dirección Xeral de Relacións exteriores e coa UE: Xuntanza do Fondo Galego e Dna Vera Almeida con Dna Pilar Romero, Subdirectora Xeral.

13.30. Servizo Galego de Igualdade: Xuntanza do Fondo Galego e Dna Vera Almeida con Dna Marta González Vázquez, Secretaria Xeral da Igualdade.

17:00. Concello de Boiro: Intercambio de experiencias con representantes de asociacións de mulleres da vila.

 

XOVES 02 DE DECEMBRO

11:00. Concello de Tomiño: Intercambio de experiencias con asociacións de mulleres do Concello sobre a erradicación da violencia machista.

16:35. Saída en avión dende O Porto.

 

SERVIZO DE COMUNICACIÓN

Carmen Novas      616 145 077

comunicacion@fondogalego.org

CLICK & EDIT by COCO