22/12/2011
O Fondo Galego inicia os Encontros con representantes locais dos tres grandes partidos
- Os Encontros ‘Institucións locais e solidariedade’ dan comezo mañá na sede do PPdeG, mentres que as xuntanzas con PSdeG e BNG serán en 2012
- O obxectivo é consolidar o compromiso coa cooperación internacional de Concellos e Deputacións, e das forzas políticas, tras o cambio de lexislatura
Illa de San Simón, 22 de decembro de 2011. O Fondo Galego de Cooperación inicia mañá venres os Encontros ‘Institucións locais e solidariedade’, aos que se convoca os representantes políticos das Deputacións e Concellos socios. A primeira das tres xuntanzas, que se celebrará a partir das 10.30 horas na sede do PPdeG en Santiago de Compostela, está dirixida aos membros do Partido Popular. Os encontros con PSdeG-PSOE e BNG terán lugar no primeiro trimestre de 2012.
Abrirá a xornada a deputada no Parlamento de Galicia, María Seoane, e falará a continuación a presidenta do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, Teresa París. A Secretaría Técnica (Igadi) fará logo un balance da traxectoria da entidade e tamén participará o director de Servizos Sociais do Concello da Coruña, José Luis Quintela, membro da Comisión Executiva. Antes de dar paso ás conclusións, intervirá unha técnica de cooperación internacional da Xunta de Galicia.
Esta actividade enmárcase no Plan de Sensibilización do Fondo Galego, como unha fórmula de diálogo cos tres partidos políticos maioritarios en Galicia, piares do proceso de nacemento e consolidación da propia entidade. Tras o cambio de lexislatura, preténdese reflexionar sobre o compromiso das institucións locais coa solidariedade e muscular a implicación dos partidos políticos co Fondo Galego de Cooperación, despois de quince anos de andaina.
PPdeG, PSdeG e BNG están representados na Comisión Executiva, órgano directivo da asociación, e son artífices do consenso que vén rexendo o seu funcionamento. Trátase agora, pese ao contexto de crise económica, de non dar pasos atrás. O obxectivo é renovar ese compromiso e fortalecer esta rede de institucións e persoas a prol da solidariedade internacional, da promoción dos Dereitos Humanos, do desenvolvemento dos países do Sur e da sensibilización da cidadanía galega.
O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade é unha rede que engloba a 94 Concellos e ás catro Deputacións de Galicia. Fundouse en 1997 como un foro a través do que consensuar e concentrar os esforzos dos poderes locais galego no eido da cooperación ao desenvolvemento. Trátase deste xeito de garantir unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos ambiciosos que teñan un verdadeiro impacto nos países do Sur e facilitar unha meirande sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional.
Desde a súa fundación, a asociación ten desenvolvido 142 proxectos en máis de 20 países, e organizado e editado multitude de actividades e materiais en relación aos desequilibrios existentes entre os países do Norte e do Sur. Ten garantido a presenza da solidariedade do pobo galego nas catástrofes que afectan a aqueles países do mundo con menor capacidade para as enfrontar, con proxectos de reconstrución (como os casos de Sri Lanka, despois do maremoto de 2004, Cuba, despois dos furacáns de 2008 ou Gaza, despois dos bombardeamentos israelitas de finais de 2008 e primeiros de 2009). Na actualidade está a implementar unha intervención de post-emerxencia no Haití.
