21/02/2011

A ONGD Implicadas e o Fondo Galego impulsaron o empoderamento das mulleres en Etiopía

 

- O proxecto conseguiu reducir o número de nenas que traballan na rúa en dous suburbios de Addis Abeba mellorando a economía e a autoestima das nais

- Os grupos de aforro e os cursos de formación permítenlles ás donas emprender os seus propios negocios e sensibilizar á comunidade sobre cuestións de xénero

 

Baiona, 15 de febreiro de 2011. Evitar que as nenas dos suburbios de Addis Abeba teñan que traballar na rúa é o obxectivo principal do proxecto que o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade subvencionou á ONGD Implicadas no Desenvolvemento. O Fondo Galego achegou 26.372 euros á terceira fase do programa de desenvolvemento urbano comunitario que Implicadas impulsa na capital etíope coa Organización para a prevención, rehabilitación e integración das nenas da rúa (OPFRIS) como parceira. O proxecto centrouse no empoderamento social e económico das mulleres en tres kebeles dos barrios de Arada e Yeka. Ademais de promover grupos de aforro que permiten obter microcréditos, impartiuse capacitación laboral e empresarial, formación sanitaria e sensibilización sobre cuestións de xénero para promover cambios de mentalidade nas comunidades.

 

Calcúlase que sen este proxecto acabarían nas rúas 1.734 nenas por non teren as súas familias, en particular as encabezadas pola nai, acceso a recursos suficientes que lles permitan estudar e exercer os seus dereitos de infancia. A iniciativa permitiu incrementar o nivel de aforro e de circulación dos cartos entre as mulleres, para favorecer o seu empoderamento económico, social e político. Entre os grupos que se reforzaron e os catro que se crearon novos, no percorrido do proxecto traballouse con 35 grupos de aforro integrados por 621 donas, dos que ao remate do proxecto se mantiñan operativos 19, formados por 344 mulleres. Esta redución debeuse ao traslado forzoso da poboación debido á demolición de parte dos suburbios, se ben agárdase que os grupos se volvan organizar nos novos emprazamentos. Ademais, 347 mulleres recibiron formación empresarial e outras 60 capacitáronse na elaboración de produtos de artesanía e alimentación, para promover os seus propios negocios.

 

Ao mesmo tempo, o proxecto buscaba a adopción de prácticas sanitarias por parte da poboación. Impartiuse formación en temas de hixiene e 94 mulleres foron derivadas para tratamento. Doutra banda, vinte donas participaron no teatro de rúa, que permitiu achegar a concienciación sobre a desigualdades que sofren a máis de 1.400 persoas da comunidade. Co fin de impulsar a súa visibilidade conmemorouse tamén o Día da Muller, cun evento no que se repartiron premios e se celebrou unha carreira feminina polas rúas. Incidiuse asemade na alfabetización das mulleres e dos nenos e nenas, conseguindo que o 90% das cativas e cativos matriculados nas clases de apoio asistan con regularidade.

 

Microcréditos entre elas

Os grupos de aforro ou autoaxuda estrutúranse de xeito que entre 15 e 20 mulleres realizan as achegas pactadas para crear un fondo común que vai rotando. Cada unha das beneficiarias ten que devolvelo no prazo previsto co tipo de xuro correspondente. Ademais do rendemento económico, existe unha clara compoñente social, xa que as integrantes toman decisións de xeito democrático sobre os problemas que lles afectan. O proxecto contemplou actividades formativas para fortalecer estes grupos e conseguir que aforren cada vez máis diñeiro, a fin de que as participantes poidan emprender negocios cada vez maiores e máis rendibles.

 

O Fondo Galego

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade é unha rede que engloba a 95 Concellos e ás catro Deputacións de Galicia. Fundouse en 1997 como un foro a través do que consensuar e concentrar os esforzos dos poderes locais galego no eido da cooperación ao desenvolvemento. Trátase deste xeito de garantir unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos ambiciosos que teñan un verdadeiro impacto nos países do Sur e facilitar unha meirande sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional.

 

Desde a súa fundación, a asociación ten desenvolvido 135 proxectos en máis de 20 países, e organizado e editado multitude de actividades e materiais en relación aos desequilibrios existentes entre os países do Norte e do Sur. Ten garantido a presenza da solidariedade do pobo galego nas catástrofes que afectan a aqueles países do mundo con menor capacidade para as enfrontar, con proxectos de reconstrución (como os casos de Sri Lanka, despois do maremoto de 2004, Cuba, despois dos furacáns de 2008 ou Gaza, despois dos bombardeamentos israelitas de finais de 2008 e primeiros de 2009). Na actualidade está a implementar unha intervención de post-emerxencia no Haití.

 

SERVIZO DE COMUNICACIÓN

Carmen Novas      616 145 077

comunicacion@fondogalego.org

CLICK & EDIT by COCO