13/12/2010

Fran Alonso denuncia no manifesto para o Fondo Galego que “o mundo suspende en Dereitos Humanos”

- O escritor protagonizou en Compostela o acto convocado pola asociación      de Concellos e Deputacións para conmemorar o Día Internacional dos DDHH

- O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade deu conta en Asemblea da estratexia para Cabo Verde e do novo Plan de Sensibilización

 

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2010. O escritor Fran Alonso denunciou esta mañá que “62 anos despois da súa aprobación e proclamación, nunha histórica Asemblea Xeral de Nacións Unidas no ano 1948, o mundo suspende en Dereitos Humanos”. Con esta frase daba comezo o manifesto que o recoñecido autor leu no acto organizado en Santiago de Compostela polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade para conmemorar o Día Internacional dos DDHH.

 

Alonso enumerou lacras que seguen a aumentar, como “a fame, a precariedade laboral, o acoso, o maltrato, a violencia, a discriminación, a censura, a inxustiza, a escravitude, a tortura, a detención arbitraria, a persecución ideolóxica, o sexismo, a falta de liberdade, a pobreza, a negación da educación, etc”. O escritor puxo nomes propios a algunhas destas problemáticas. Fíxose eco asemade dos datos segundo os que “cinco millóns de nenos e nenas morren anualmente debido á fame e a desnutrición”, “hai 2.000 millóns de persoas que carecen de saneamento e de auga potable” e “cada 5 minutos prodúcese no mundo unha morte violenta”.

 

O autor do manifesto para o Fondo Galego, titulado O cromosoma dos Dereitos Humanos, indicou que as vítimas “non buscan compaixón, buscan xustiza” e promulgou que “as cifras poden cambiarse”, aínda que “a igualdade e a xustiza non existen se, primeiro, non se recoñece a diferenza”. O texto alertaba tamén do “abandono dos compromisos dos países máis ricos respecto da axuda aos países pobres”. Tras citar a Benedetti, Lennon, Galeano, ou Manu Chao, concluía que “se somos quen de crer nos DDHH, seremos quen de respectalos”. “O respecto aos Dereitos Humanos, construídos a partir da palabra, asenta no individuo o cromosoma máis característico que identifica a nosa especie: a racionalidade”, remataba.

 

Campaña de incidencia política

A lectura do manifesto asinado por Fran Alonso constituíu a apertura da Asemblea Xeral Extraordinaria do Fondo Galego de Cooperación, na que estaban chamadas a participar as administracións socias, 99 Concellos e as catro Deputacións. Previamente, celebrárase una Asemblea Xeral Ordinaria na que se informou, entre outros temas, das novas Liñas Estratéxicas para Cabo Verde que renovan o compromiso da cooperación municipalista co arquipélago africano. Deuse conta asemade do novo Plan de Sensibilización, que dá continuidade ao exitoso percorrido que xa se viña experimentando nesta área, e lembráronse os múltiples proxectos que o Fondo Galego ten agora en marcha, entre eles un para Haití.

 

A Comisión Executiva puxo tamén en coñecemento da Asemblea de socios que se está a iniciar unha campaña de incidencia política coa intención de que todos os partidos inclúan nos seus programas para as próximas eleccións municipais a cooperación municipalista e o compromiso co Fondo Galego. Trátase así de garantir que a solidariedade cos países empobrecidos se incorpore ás axendas dos futuros gobernos locais e provinciais.

 

 

O Fondo Galego

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade é unha rede que engloba a 95 Concellos e ás catro Deputacións de Galicia. Fundouse en 1997 como un foro a través do que consensuar e concentrar os esforzos dos poderes locais galego no eido da cooperación ao desenvolvemento. Trátase deste xeito de garantir unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos ambiciosos que teñan un verdadeiro impacto nos países do Sur e facilitar unha meirande sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional.

 

Desde a súa fundación, a asociación ten desenvolvido 135 proxectos en máis de 20 países, e organizado e editado multitude de actividades e materiais en relación aos desequilibrios existentes entre os países do Norte e do Sur. Ten garantido a presenza da solidariedade do pobo galego nas catástrofes que afectan a aqueles países do mundo con menor capacidade para as enfrontar, con proxectos de reconstrución (como os casos de Sri Lanka, despois do maremoto de 2004, Cuba, despois dos furacáns de 2008 ou Gaza, despois dos bombardeamentos israelitas de finais de 2008 e primeiros de 2009). Na actualidade está a pór en marcha unha intervención de post-emerxencia no Haití. 

 

SERVIZO DE COMUNICACIÓN

Carmen Novas      616 145 077

comunicacion@fondogalego.org

CLICK & EDIT by COCO