28/02/2011
Arquitectos Sen Fronteiras mellora as condicións sanitarias en Mozambique co apoio do Fondo Galego
- A asociación de Concellos e Deputacións achegou perto de 50.000 euros á iniciativa que permitiu rehabilitar un centro de saúde e construír unha maternidade
- O proxecto incluíu a elaboración dun diagnóstico das infraestruturas na provincia de Inhambane e formación no eido informático para o persoal técnico
Baiona, 21 de febreiro de 2011. O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade apoiou con 49.954 euros o proxecto de Arquitectos Sen Fronteiras que permitiu mellorar as condicións sanitarias na provincia mozambicana de Inhambane. A asociación de Concellos e Deputacións participou, xunto con outras axencias cofinanciadoras, na rehabilitación do centro de saúde de Río das Pedras e na construción dunha nova maternidade, que xa están en pleno funcionamento. A achega do Fondo Galego destinouse a completar as obras optimizando as condicións de hixiene. Concretamente, en cada un dos dous centros instalouse unha incineradora, unha foxa biolóxica e mais un peche perimetral.
Tamén se realizou un diagnóstico das infraestruturas sanitarias da provincia mediante a visita a 116 unidades. A base de datos elaborada e o documento final servirán para definir un novo plan de investimento e priorizar as actuacións máis inmediatas. Asemade, o persoal técnico da Dirección Provincial de Saúde (DPS) recibiu formación no eido informático. Aprenderon a manexar o Autocad e outros programas complementarios que lles facilitarán o traballo. Doutra banda, redactáronse os proxectos para rehabilitar tres vivendas para a DPS, entre as que figura o edificio de Unicef. Achegouse tamén asesoramento técnico na visita a diferentes centros que se atopaban en obras, coma o hospital de Vilankulos.
A iniciativa da ONGD Arquitectos Sen Fronteiras dirixiuse a fortalecer as capacidades na Dirección Provincial de Saúde para mellorar a planificación e a xestión dos recursos do sistema sanitario. Ao mesmo tempo, facilitouse o acceso á rede primaria da poboación de diversas comunidades de Inhambane. No primeiro mes de funcionamento, a maternidade atendeu 57 consultas post-parto e 21 partos. O proxecto foi subvencionado polo Fondo Galego a través da convocatoria de axudas á cooperación indirecta de 2009.
O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade é unha rede que engloba a 95 Concellos e ás catro Deputacións de Galicia. Fundouse en 1997 como un foro a través do que consensuar e concentrar os esforzos dos poderes locais galego no eido da cooperación ao desenvolvemento. Trátase deste xeito de garantir unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos ambiciosos que teñan un verdadeiro impacto nos países do Sur e facilitar unha meirande sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional.
Desde a súa fundación, a asociación ten desenvolvido 135 proxectos en máis de 20 países, e organizado e editado multitude de actividades e materiais en relación aos desequilibrios existentes entre os países do Norte e do Sur. Ten garantido a presenza da solidariedade do pobo galego nas catástrofes que afectan a aqueles países do mundo con menor capacidade para as enfrontar, con proxectos de reconstrución (como os casos de Sri Lanka, despois do maremoto de 2004, Cuba, despois dos furacáns de 2008 ou Gaza, despois dos bombardeamentos israelitas de finais de 2008 e primeiros de 2009). Na actualidade está a implementar unha intervención de post-emerxencia no Haití.
